Bonos Corazón: os establecementos poderanse adherir á campaña a partir do mércores e os bonos comezarán a descargarse o venres
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases da convocatoria dos Bonos Corazón Compostela 2025, de maneira que os establecementos comerciais e hostaleiros interesados en adherirse á campaña poderán facelo a partir do mércores, día 14. Dous días despois, o 16 de maio, abrirá o prazo para a descarga dos bonos.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta hoxe dos prazos e condicións dos Bonos Corazón, unha vez publicadas as bases no BOP. A tenenta de alcaldesa lembrou que, como novidade, este ano haberá dúas convocatorias de axudas, a que comeza agora en maio e a que se prevé para outubro. En cada unha delas vanse repartir 300.000 euros, para sumar os 600.000 euros que os orzamentos municipais de 2025 destinan aos Bonos Corazón, 150.000 euros máis que o ano pasado. María Rozas explicou que “atendimos a demanda do tecido comercial de realizar dúas convocatorias para contribuir mellor á dinamización comercial, facéndoo ademais nas datas que son máis complicadas para as vendas”.
As bases desta convocatoria dos Bonos Corazón sinalan que o prazo para adherirse ao programa abrirá dous días hábiles despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, isto é, o 14 de maio. Os establecementos comerciais e hostaleiros que cumpran os requisitos poderán sumarse á campaña durante o prazo dun mes, ata o 14 de xuño.
En canto á descarga dos Bonos Corazón, o prazo comezará aos 4 días hábiles tras a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, isto é, o 16 de maio, a partir das 9.30 horas, e a súa validez será dun mes a contar desde esa data, ata as 22.00 horas do 16 de xuño. Transcorrido ese prazo, os bonos non trocados caducarán.
Condicións dos Bonos Corazón
Como en anteriores edicións anteriores, os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización na APP Wallet. Para as persoas con dificultades no manexo das novas tecnoloxías, o departamento de Comercio facilitará a descarga de maneira presencial, tamén desde o próximo venres 16. As persoas interesadas poden informarse no teléfono 981542492.
O importe dos Bonos irase reducindo ata o seu esgotamento, e poderase utilizar nunha ou en varias compras. Ao igual que nas últimas convocatorias, establécese unha única modalidade de bono cun valor de 50 euros, dos que o Concello achegará 20 euros e a persoa solicitante os 30 euros restantes. Cada persoa poderá solicitar e obter ata tres bonos. Tamén se establece un límite de gasto en cada establecemento, que será de 15.000 euros con cargo ao 40% dos Bonos Corazón que corre a cargo do Concello.
Na edición de 2024, os Bonos Corazón contaron cun orzamento de 450.000 euros, e mobilizaron un volume de vendas de case 1,5 millóns de euros. Os establecementos adheridos á campaña foron 586, e repartíronse 22.500 bonos, utilizados por 10.642 persoas. Estes datos demostran, incidiu María Rozas, que os Bonos Corazón “cumpren o seu obxectivo de dinamizar os negocios locais e dar a coñecer, diante de nova clientela, a calidade do noso tecido comercial de proximidade fronte á auxe das compras online e das grandes superficies”.